Camiño Expandido
A programación expandida de camiño Escena Norte abarca toda a actividade fose do itinerario de funcións como eixo vertebrador, rodéao e complementa multiplicando os seus efectos a nivel de relación cos públicos, encontro, mediación, dinamización profesional e sectorial. Está dividida en dous grandes bloques de actividades ou liñas de acción, as actividades para público profesional e de dinamización profesional por unha banda, e por outro as de relación cos públicos.
Actividades de relación cos públicos
ACCIÓNS DE ACOMPAÑAMENTO ARREDOR DOS ESPECTÁCULOS
Talleres, encontros co público, visitas, dinámicas de xogo en familia, accións de colaboración con colectivos e entidades. Toda a actividade que contextualizará a programación de espectáculos do Itinerario Constelacións nas distintas sedes ten unha importancia fundamental dentro de Camiño Escena Norte, que foxe de ser unicamente un circuíto ou rede interterritorial para intentar tecer outras relacións, sinerxías e posibilidades moito más alá da relación establecida espectador/a – espectáculo.
ESADS EN CAMIÑO
Esta outra iniciativa da programación expandida de Camiño Escena Norte é un proxecto de colaboración e intercambio pedagóxico coas escolas superiores ESAD de Galicia, ESAD de Asturias e a ESADD de Euskadi (Dantzerti) posto en marcha en 2022.
Esta acción de colaboración nace, a proposta das escolas superiores e enmarcada no seu proxecto de colaboración ESAD en rede, para poñer en contacto o alumnado das escolas superiores de ensinanzas artísticas con profesionais en activo, neste caso coas compañías en xira no Itinerario Constelacións de Camiño Escena Norte. En 2024 ESADS en Camiño propón distintas accións arredor dos espectáculos do itinerario en Santiago de Compostela, Xixón e Bilbao.
MIRANDO AS CONSTELACIÓNS
A través de www.escenanorte.com e dun traballo de difusión por medio das RRSS do proxecto. nesta 6ª edición realizamos un “mapeo” das 60 sedes nas que haberá actividades de Camiño Escena Norte. Queremos centrar a atención na importancia destes espazos, escénicos ou non, a nivel local, como espazos de encontro, socialización e intrahistoria das localidades, alén do seu valor patrimonial ou arquitectónico. Alén das sedes que xa son de tipo patrimonial (capelas, prazas…) trátase tamén de poñer o foco nos teatros das pequenas localidades (por enriba de todo) e o seu interese e relevancia a todos os niveis.
Con este “mirar as constelacións” queremos dimensionar o itinerario de funcións e outras actividades pola tipoloxía diversa de espazos que nos acompañan, dándolle aos públicos información de todas estas “constelacións” que conforman o proxecto.
Actividades profesionais e de dinamización sectorial
REDE DE PROXECTOS DE INTERCAMBIO ESCÉNICO, ARTÍSTICO E PROFESIONAL CRUZAMENTOS
CRUZAMENTOS / ENCRUCES / CRUCES / BIDEGURUTZEA É unha iniciativa incluída dentro da programación expandida Camiño Expandido, que cumpre o seu cuarto ano e consiste nunha rede de estancias de intercambio escénico, artístico e profesional entre Galicia, Principado de Asturias, Cantabria, Euskadi e a Comunidade Foral de Navarra.
Algunhas claves do desenvolvemento desta rede de estancias son:
-
O orzamento e acompañamento económico máximos por cada proxecto de intercambio será de 9.000 € (impostos incluídos), Cruzamentos conta neste 2024 cun orzamento total de 20.000 € (impostos incluídos).
-
A convocatoria Cruzamentos está dirixida a facilitar proxectos de intercambio entre compañías produtoras que operen no eido profesional. Non está dirixida por tanto a creadores e creadoras independentes, proxectos culturais (festivais, eventos, etc.) ou outros colectivos que non se axusten a esta tipoloxía de entidade.
-
A selección dos proxectos será levada a cabo por medio dunha comisión mixta que valorará cada unha das candidaturas, na que estará representado o equipo de coordinación de Camiño Escena Norte, co seu coordinador como comisionado con voz e voto e a súa coordinadora de produción, con voz pero sen voto e que actuará como secretaria da comisión. As outras 2 persoas integrantes serán profesionais expertas e independentes de recoñecido prestixio no ámbito estatal en proxectos destas características, pero sen relación con Camiño Escena Norte.
-
Co obxectivo de explicar os detalles da convocatoria e resolver dúbidas e preguntas das compañías interesadas organizarase unha webinar informativa.
As estancias de intercambio Cruzamentos parten dunha compañía dunha das Comunidades de Camiño Escena Norte propoñendo o proceso de intercambio a outra ou outras compañías doutra(s) das Comunidades.
Pódese consultar máis información aquí: BASES 2024 E LISTADO DE PROXECTOS SELECCIONADOS.
OFICINA CEN DE COOPERACIÓN ESCÉNICA
Esta nova proposta púxose en marcha apoiada polo Ministerio de Cultura a través da convocatoria de axudas para a acción e promoción cultural. Trátase dun programa de consultoría e acompañamento profesional que ha reforzar a actividade profesional de Camiño Escena Norte, apoiando a actividade das compañías no ámbito da distribución, as sinerxías entre territorios e o coñecemento sobre o funcionamento do sector escénico profesional en cada unha das cinco comunidades de Camiño Escena Norte. Esta nova oficina vai funcionar de xeito permanente como entidade independente de apoio ás compañías e proxectos, dando continuidade durante todo o ano aos obxectivos do proxecto, máis aló das datas da programación oficial.
A Oficina CEN de cooperación escénica conta nesta fase de proxecto piloto con 3 partes fundamentais:
- Un programa de cooperación interterritorial baseado na consultoría, asesoría e acompañamento a produtoras profesionais de artes escénicas das 5 Comunidades implicadas en Camiño Escena Norte, no marco da actividade profesional fóra dos seus propios territorios.
- Un banco de recursos sobre o funcionamento do sector escénico profesional en cada un dos territorios de Camiño Escena Norte.
- Unha estratexia de apoio estruturada ao dispor das compañías que cada edición do proxecto xiren dentro do Ciclo Constelacións.
HABITACIÓN PEREGRINA PRO. Encontro profesional en Lugo
Habitación Peregrina PRO é unha proposta que xorde dentro do proxecto Camiño Escena Norte, concretamente tamén dentro da programación expandida Camiño Expandido. Recolle o título do programa de residencias de creación baseadas no intercambio entre CCAA que desenvolvemos na 1ª edición (2019), durante a que identificamos de xeito palpable que non existe un coñecemento en profundidade nin unha relación estable e duradeira de sinerxías entre as compañías e axentes profesionais do sector das artes escénicas que operan nos 4 territorios orixinalmente implicados neste proxecto: Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.
O obxectivo principal de Camiño Escena Norte é o de crear un novo corredor cultural articulado por medio deste novo territorio compartido, que sirva tamén para o coñecemento mutuo por medio da produción cultural de cada Comunidade no eido das artes escénicas.
Así, ademais de poñer en contacto o público con espectáculos e actividades paralelas ás que doutro xeito non accederían, Camiño Escena Norte pretende de igual maneira desbordar o marco da súa propia programación, posibilitando a interrelación entre territorios e as sinerxías profesionais entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.
Habitación Peregrina PRO pretende ser un espazo de convivencia profesional onde o máis dun cento de compañías que abarcan as asociacións promotoras (Escena Galega, EscenAsturias, Acepae, Eskena e Esna), máis todas aquelas do sector que queiran unirse á actividade, poidan entrar en contacto, coñecer as súas liñas de traballo e propostas estéticas, coñecer a realidade dos distintos circuítos de programación, explorar vías de coprodución e traballo conxunto e acceder a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.
VIEIROS. Rede de colaboración con proxectos locais
En 2023 puxemos en marcha unha nova iniciativa denominada Vieiros, consistente na colaboración de Camiño Escena Norte cun proxecto cultural de cada Comunidade, co obxectivo de crear sinerxías, ao tempo que lle damos forza e contexto ao noso proxecto localmente e proxectamos fóra da Comunidade os proxectos locais. Proxectos todos que coinciden territorialmente e en datas aproximadas con nós, claro.
A idea xorde da programación dunha das funcións do Ciclo Constelacións 2022 en colaboración co FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) de Carballo (Galicia), que nos abriu a porta a pensar que esta fórmula de programación conxunta podería ser unha idea susceptible de trasladar a outros proxectos coincidentes en datas e territorio. Este ano estes Vieiros vanse abrir cunha colaboración con 5 iniciativas culturais diversas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, aínda que non en todas levaremos a cabo aínda unha estratexia de programación conxunta.
Os 5 proxectos que abren estes “vieiros” en 2024:
GALICIA
FIOT (Festival Internacional de Outono de Teatro), Carballo. (*) Xa cunha función en colaboración nesta edición.
ASTURIAS
Rincones y Recovecos, Xixón. (*) Xa cunha función en colaboración nesta edición.
CANTABRIA
Movimiento en Red. Asociación de Profesionais da Danza de Cantabria.
EUSKADI
Bideart Zigoitia, Zigoitia. (*) Xa cunha función en colaboración nesta edición.
COMUNIDADE FORAL DE NAVARRA
Ribera en Danza, varios concellos. (*) Xa cunha función en colaboración nesta edición.
CATÁLOGO DE ESPECTÁCULOS RECOMENDADOS
En 2024, 6ª edición do proxecto, realizamos por segunda vez este Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha publicación que agardamos sexa de tanta utilidade como interese para o sector, e que supoña un selo de calidade para os espectáculos aquí debullados, que representan un abano amplo e diverso de algo da mellor produción escénica de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.
Os espectáculos que conforman esta publicación foron seleccionados por 5 comisións independentes de axentes profesionais do sector, unha en cada unha destas Comunidades, alleas á organización de Camiño Escena Norte e que traballaron sobre as case 200 propostas presentadas a esta edición do proxecto para xirar no noso Itinerario Constelacións, a rede de exhibición escénica profesional baseada no intercambio entre os 5 territorios que conforman este territorio cultural común creado alá por 2019.