Eixo vertebrador do proxecto Camiño Escena Norte, é o itinerario de funcións de artes escénicas que percorrerá mais de 70 sedes nas 6 Comunidades que conforman o territorio cultural común creado: Galicia, Principado de Asturias, Cantabria, Euskadi, a Comunidade Foral de Navarra e A Rioxa.
Neste 2025 son 18 os espectáculos en xira que conforman a selección do noso itinerario, nunha programación de corte xeneralista na que prima a diversidade de linguaxes, estéticas e tipos de público. Unha pequena selección do mellor das artes escénicas galegas, asturianas, cántabras, vascas, navarras e rioxanas. Máis funcións que nunca na programación desta 7ª edición.
Sendo un dos piares do programa a diversidade en formatos, estéticas e linguaxes, o censo de espazos é tamén diverso en tipoloxías.
O mesmo conta con espazos outdoor/históricos/singulares para os espectáculos adaptables e sen grandes necesidades técnicas, pero Camiño Escena Norte necesita tamén teatros, auditorios e outros espazos escénicos perfectamente equipados para a programación de espectáculos de gran formato e á italiana.
Para ordenar esta diversidade de espazos nas 6 Comunidades, recollemos o concepto das constelacións, como guías e acompañantes tamén de quen percorre os Camiños a Santiago.