Todo empeza ao descubrir a historia dunha muller chamada Helen Keller. Nacida en Tuscumbia (Alabama, EE.UU.), convértese nunha celebridade mundial ao ser a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard. Esta é a parte da súa vida que se fixa na memoria colectiva, como un modelo exemplar de superación da discapacidade. Investigando en varios arquivos norteamericanos descubrimos o seu activismo político, unha faceta da súa vida ocultada sistematicamente. Por que? A quen lle interesa facelo? Porque é unha muller, xorda e cega? Porque non se acepta que unha das persoas máis famosas do século XX en EE.UU. sexa comunista? Porque unha muller con discapacidade non pode ser unha líder anticapitalista? Trátase dun espectáculo accesible para persoas xordas, cegas e xordocegas.
Chévere é una compañía de axitación teatral, con máis de 35 anos de traballo ás costas, que soubo manter con naturalidade unha proposta de creación propia tan irreverente como xenuína. En 2014, recibiu o Premio Nacional de Teatro polo seu compromiso social e cultural e pola súa coherente traxectoria de creación colectiva, transgresión de xéneros e conexión crítica coa realidade. Desde 1988, Chévere fixo espectáculos de estilos e formatos moi diferentes. Usando o humor como filosofía e o pensamento crítico como ferramenta, as súas obras confrontan no escenario os debates do presente coa memoria dun pasado recente, cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos.
Tipo: Teatro
Público: Adulto
Duración: 90’
Idioma: Castelán – Galego – LSE
Estreno:16 de febreiro de 2024. Salón Teatro, Santiago de Compostela (A Coruña) – Galicia