
- Este evento ha pasado.
Mimesis en Vilalba (Lugo)
8 Outubro, 2022, 6:00 p.m. - 7:00 p.m.

Mimesis concíbese como un ritual escénico iniciático para a primeira infancia e as súas familias, que constrúe un ecosistema escénico para que sexa habitado e compartido por intérpretes e familias participantes. Do mesmo xeito que as anteriores producións de Zig Zag Danza para a Primeira Infancia, Mimesis é unha proposta que parte da honestidade e o respecto, preservando a capacidade de desenvolvemento creativo dos públicos máis pequenos, unha coidada produción internacional de máis de tres anos realizada entre España e Alemaña.
A compañía: Zigzag Danza
Zig Zag Danza explora, desde o seu nacemento no ano 2000, os territorios que comparten o movemento e a teatralidade, construíndo un universo creativo singular no que a luz, o espazo sonoro e o espazo escénico comparten protagonismo coa linguaxe do corpo. Dirixida pola coreógrafa Estrella García, a compañía conta cunha vintena de producións e coproducións, dirixidas tanto a público infanti como adulto.
Zig Zag Danza é un nome de referencia internacional da danza para a primeira infancia. Desde a súa sede en Xixón, a compañía defende un proxecto innovador e artesanal que aposta pola excelencia artística, colocando no centro da creación aos máis novos espectadores e o seu desenvolvemento cognitivo.