‘Voo’ é o novo espectáculo de Teatro O Cubo, unha fermosa peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: poder voar sen ás!
Inspiradas por esta utopía, dúas personaxes lánzanse á procura do ceo envolvendo o público na ingravidez e a fantasía. Empezan con ilusión e asombro, entra en xogo a esixencia e a avidez polo éxito e pasan por outros lugares como a convivencia, a amizade e o descubrimento do goce de soñar alto sen ter que ganar ou perder.
A danza, a música, o movemento, a poesía visual e a comicidade están presentes en todo momento, facendo desta proposta unha viaxe para os sentidos.
Teatro O Cubo é unha compañía galega de artes escénicas fundada en 2016 por Sofía Espiñeira e Roberto C. Mouriño. A súa proposta profesional fundaméntase na hibridación de linguaxes, utilizando o teatro como soporte para integrar disciplinas como o circo, a danza, a música en directo e o teatro de obxectos e marionetas. O seu traballo oriéntase principalmente cara ao teatro familiar, de rúa e de pequeno formato, e caracterízase por unha posta en escena onde o movemento físico e a manipulación de obxectos teñen tanto peso narrativo coma o texto.
Na súa traxectoria destacan montaxes como ‘Nube, Nube, Sol’, ‘Ghop!’, ‘De Vilatriste a Vilalegre’ e ‘Voo’, producións que reflicten o seu modelo de creación interdisciplinar e a súa formación técnica en diversas áreas artísticas.
Tipo: Teatro e danza
Público: Infantil e familiar
Duración: 45’
Idioma: Castelán – Galego
Estrea: 27 de decembro de 2025. Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela (A Coruña) – Galicia
Contacto:
Helena Capera – Tel.: 604 019 213
Sofía Espiñeira – Tel.: 635 288 192
Lugar Igrexa – Parada 4. 36685 A Estrada (Pontevedra) Galicia