Camiño Escena Norte amplía a súa presenza en Galicia e achegará as artes escénicas a trece localidades na súa sexta edición,que comezará o 13 de setembro en Compostela
O proxecto de intercambio cultural entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra ofrecerá funcións de teatro, danza e artes do movemento e novo circo en Santiago, Foz, Outes, Vilalba, Sobrado dos Monxes, Melide, Carballo, Vimianzo, Lugo, Ames, Arzúa, Ribadeo e Viveiro
As compañías galegas Ibuprofeno Teatro, Colectivo Glovo e Píscore levarán os seus espectáculos a Avilés, Oviedo, Villaviciosa, Laredo, Castro Urdiales, Los Corrales de Buelna, San Vicente de la Barquera, Bilbao, Mutriku, Zarautz, Pamplona, Tafalla, Sangüesa e Alsasua
Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, intensificará a súa presenza no territorio galego na súa sexta edición, que se celebrará do 13 de setembro ao 27 de outubro baixo o lema A oportunidade do agarimo. Un total de 13 localidades do país, dúas máis que no 2023, contarán con funcións desta iniciativa.
A praza do Obradoiro acolleu esta mañá a presentación da programación en Galicia, que comezará o venres 13 en Santiago de Compostela. A partir de aí, algunhas das creacións escénicas máis interesantes da carteleira percorrerán escenarios históricos ou espazos singulares de Vilalba, Melide, Carballo, Vimianzo, Lugo, Ames, Arzúa, Ribadeo e Viveiro; sedes ás que este ano CEN suma Foz e Outes, á vez que recupera Sobrado dos Monxes. Ademais, a capital luguesa será o lugar no que se celebre o encontro Habitación Peregrina PRO, no que participarán ducias de profesionais do sector de diferentes puntos da península.
Camiño Escena Norte, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, é un proxecto que, tomando como base a ruta histórica dos camiños de Santiago do norte, ofrece ao longo de seis semanas -dez días máis que en anteriores edicións- toda unha extensa programación escénica, dirixida a todo tipo de públicos. Así, tanto a través da súa iniciativa itinerante Ciclo Constelacións, como doutras actividades paralelas -como é o caso dos encontros cos espectadores ou das actividades profesionais Cruzamentos e Habitación Peregrina PRO-, CEN pretende impulsar, dinamizar e visualizar o labor das compañías galegas, asturianas, cántabras, vascas e navarras. Alén da actividade das compañías, desde o pasado 2023 CEN propón proxectar fóra de cada comunidade as programacións locais no marco da iniciativa Vieiros: por segundo ano consecutivo, Camiño Escena Norte escolle o FIOT de Carballo como o evento cultural de Galicia destacado para poñer en valor nos outros catro territorios.
Ciclo Constelacións
15 espectáculos, 3 por territorio, conforman este ano o Ciclo Constelacións, unha programación itinerante de artes escénicas de corte xeneralista, que se ofrecerá en máis de 60 sedes, na que prevalece a diversidade de linguaxes, estéticas e formatos, tanto para público infantil como adulto; producións de teatro de texto, novo circo, danza e artes do movemento, creación contemporánea, espectáculos didácticos e experiencias site-specific.
Neste 2024, as compañías asturianas Adrián Conde Espectáculos, Teatro Plus e La Westia Producciones; as cántabras Ruth Garreta – El Conejo Salvaje e Hilo Producciones; as vascas Panta Rhei, Marie de Jongh, K. Producciones e Tanttaka Teatroa; e as navarras Yarleku – El Punto Gunea, Estefanía de Paz Asín e Pájaros Pintados Creación Teatral traerán a Galicia os seus espectáculos máis recentes.
Á vez, mentres que un total de 11 compañías visitarán os escenarios do país, as galegas Ibuprofeno Teatro, Píscore-Culturactiva e Colectivo Glovo -quen representou unha escena de Tabú na rolda de prensa desta mañá- percorrerán 14 localidades de Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra no marco do Ciclo Constelacións; mais non serán as únicas galegas presentes nesta edición: a compañía Furia Sotelo participará na rede de estancias Cruzamentos, que forman parte da programación paralela. Deste xeito, o espectáculo de Ibuprofeno Teatro Deadpan Karaoke, creado por Patricia Rodríguez e Marián Bañobre, poderase ver en Alsasua, Castro Urdiales, Villaviciosa e San Vicente de la Barquera. A creación Molto Barroco, de Fran Rei, poderase ver da man de Píscore-Culturactiva en Avilés, Laredo, Mutriku, Tafalla e Sangüesa; mentres que Tabú, do Colectivo Glovo, estará en Oviedo, Bil¡bao, Zarautz e Los Corrales de Buelna. Esta última compañía tamén presentará en Pamplona a súa creación Alleo, no marco da colaboración que o CEN establece neste 2024, a través da iniciativa Vieiros, co festival Ribera en Danza.
Camiño Expandido
En Camiño Escena Norte convive o ciclo itinerante de funcións coa actividade paralela ao mesmo, nomeada Camiño Expandido. É o caso das accións de acompañamento para público -talleres, obradoiros, dinámicas con familias-, do programa Cruzamentos, do encontro Habitación Peregrina PRO, da iniciativa Vieiros, do II Catálogo de Espectáculos Recomendados CEN, da Oficina CEN de Cooperación Escénica, do recurso web Mirando as constelacións e da colaboración coas Escolas Superiores de Arte Dramática dos cinco territorios.
Cruzamentos é un dos piares do CEN. Nesta rede de estancias de intercambio escénico, artístico e profesional participarán os vascos Hika Teatroa xunto á compañía navarra Led Silhouette (no Centro Cultural Egia de Donostia, do 23 ao 29 de setembro), e a galega Furia Sotelo en colaboración cos cántabros Babirusa Danza (en A Casa Vella -Amiadoso, Ourense do 14 ao 22 de outubro).
Habitación Peregrina PRO é o espazo de convivencia profesional onde as compañías entran en contacto, coñecen as súas liñas de traballo e propostas estéticas, profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional. O encontro terá lugar un ano máis en Lugo, no centro sociocultural O Vello Cárcere, do 17 ao 19 de setembro.
Na sexta edición percórrense aínda máis carreiros con Vieiros, a iniciativa que une ao CEN cun proxecto cultural de cada comunidade, co obxectivo de dar forza e contexto ao programa, ademais de proxectar fóra da comunidade as iniciativas locais. No 2024, traballarase co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT (Galicia); Rincones y Recovecos (Asturias); Movimiento en Red (Cantabria); Bideart Zigoitia (Euskadi), e Ribera en Danza (Navarra).
Organización e apoios
CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra). Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto.
CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais; Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Gobierno de Navarra; e Goberno de España, tanto a través do Instituto Nacional das Artes Escénicas e a Música (INAEM) como do Ministerio de Cultura. Colaboran tamén a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo.
Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial e incorpórase nesta liña a Fundación Camino Lebaniego (Cantabria). Ademais, Camiño Escena Norte conta nesta edición coa colaboración especial da asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.
Funcións de Camiño Escena Norte 2024 en Galicia
- 13.09 | Santiago de Compostela (Praza da Quintana): Check Out, de Adrián Conde Espectáculos (AST)
- 15.09 | Foz (Praza Conde de Fontao): By ò Bu. Aproximación al no existir, de Yarleku e El Punto Gunea (NAV)
- 21.09 | Outes (Auditorio Casa da Cultura): La casa de los dedos, de Ruth Garreta e El Conejo Salvaje (CANT)
- 27.09 | Vilalba (Auditorio Municipal Carmen Estévez): Anónimo. La vida de Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades, de Hilo Producciones (CANT)
- 28.09 | Sobrado dos Monxes (Monasterio): La osa estelar, de Panta Rhei (EUS)
- 29.09 | Melide (Auditorio Municipal): Anónimo. La vida de Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades, de Hilo Producciones (CANT)
- 06.10 | Carballo (Pazo da Cultura) – Programación 33º FIOT: Olvido Flores, de Estefanía de Paz Asín (NAV)
- 12.10 | Vimianzo (Auditorio Municipal): El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa (EUS)
- 17.10 | Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire): El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa (EUS)
- 18.10 | Ames (Auditorio Casa da Cultura do Milladoiro): Geometría del Alma, de Teatro Plus (AST)
- 19.10 | Arzúa (Capela da Madalena): El jardín de Olivia, de Pájaros Pintados Creación Teatral (NAV)
- 20.10 | Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval): Mr. Bo, de Marie de Jongh (EUS)
- 24.10 | Viveiro (Teatro Municipal Pastor Díaz): Ada Byron: La tejedora de números, de La Westia Producciones (AST)