Camiño Escena Norte dá a coñecer as 15 compañías de artes escénicas que xirarán este otoño por Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra
As galegas Ibuprofeno Teatro, Píscore-Culturactiva e Colectivo Glovo atópanse entre as seleccionadas para participar na sexta edición do CEN
O proxecto de intercambio cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia, publica o segundo Catálogo de Espectáculos Recomendados CEN, que inclúe trinta producións, e que ten como obxectivo de difundir as propostas escénicas profesionais dos distintos territorios participantes fóra dos seus circuítos habituais
Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega este 2024 á súa sexta edición, na que sumará novas sedes e escenarios, ademais de dez días máis de programación. Do 13 de setembro ao 27 de outubro, un total de 15 compañías ofrecerán espectáculos e actividades no marco dunha proposta cuxo eixe principal xirará arredor do programa de exhibición Itinerario Constelacións, o circuíto troncal de representacións do CEN.
Por sexto ano consecutivo, Camiño Escena Norte dará boa conta da mellor produción escénica profesional dos cinco territorios implicados, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas. A programación, que ten o apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, ofrecerá teatro de texto, espectáculos para público infantil e familiar, novo circo, danza e creación contemporánea, montaxes didácticas e experiencias ‘site specific’.
Os 15 espectáculos que formarán parte do Itinerario Constelacións foron seleccionados por 5 comisións profesionais independentes de axentes do sector, unha por cada unha dos territorios que conforman o CEN. Moitas das producións serán estreas fóra das súas comunidades autónomas.
Galicia seleccionou as compañías Ibuprofeno Teatro, co seu espectáculo Deadpan Karaoke, Píscore-Culturactiva, con Molto Barroco, e Colectivo Glovo, que presentará Tabú. Pola súa banda, Asturias intervirá no intercambio cultural de CEN con La Westia Producciones (Ada Byron: La tejedora de números), Adrián Conde Espectáculos (Check Out) e Teatro Plus (Geometría del alma).
A participación cántabra chegará da man de Hilo Producciones (Anónimo. La vida de Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades); Ruth Garreta – El Conejo Salvaje (La casa de los dedos) e Trueba & Trueba Producciones (Un camino valiente). Pola parte de Euskadi, a selección inclúe os traballos de Producción y Gestión Artística K (El nadador de aguas abiertas), Cía. Panta Rhei (La osa estelar) e Marie de Jongh (Mr. Bo). Finalmente, Navarra, presentará nos demais territorios as propostas artísticas de Yarleku-El Punto Gunea (By ò Bu. Aproximación al no existir), Pájaros Pintados Creación Teatral (El jardín de Olivia), e Estefanía de Paz Asín (Olvido Flores).
Catálogo de Espectáculos Recomendados CEN
Este ano, CEN lanza a segunda edición do Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha publicación que serve como ferramenta para a visualización, difusión e distribución das artes escénicas galegas, asturianas, cántabras, vascas e navarras fóra do seu ámbito territorial. Esta iniciativa, que xa está dispoñible a través desta páxina web, promocionarase nas principais citas profesionais do sector (encontros, feiras ou mercados) ao longo de todo o ano.
Un total de 30 espectáculos forman parte da nova publicación. A trintena de producións foron seleccionadas por cinco comisións independentes de axentes profesionais do sector, alleas á organización de Camiño Escena Norte. Estes grupos traballaron sobre as case 200 propostas que se presentaron este 2024 para xirar no programa de exhibición do CEN, nomeado Itinerario Constelacións.
CEN: un proxecto de intercambio cultural
CEN naceu co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como referencia e fío condutor os camiños que transitan polo norte da Península Ibérica e que teñen, como destino final, Santiago de Compostela.
Desde a súa primeira edición, celebrada en 2019, CEN levou o teatro, a danza, as artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados, en moitos casos, dos circuítos habituais de programación, favorecendo así o acceso a este tipo de propostas á veciñanza de diferentes municipios e localidades.
CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra). Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto, que conta co apoio económico de todos os niveis da administración, desde a estatal até as entidades locais, pasando polos gobernos autonómicos, provinciais e forais, así como patrocinios privados.
[Foto cabeceira da noticia: Tabú, de Colectivo Glovo | Autoría: Carlota Mosquera]