Skip to main content

O Camiño Escena Norte bota o pano esta fin de semana con cinco funcións en Ames, Carballo, Vilalba, Viveiro e Santiago de Compostela

O proxecto de intercambio de artes escénicas propón catro espectáculos para público infantil, familiar e adulto con compañías procedentes de Asturias, Euskadi e Navarra

O 9 de outubro celebrarase no Gaiás un encontro entre o alumnado da ESAD de Galicia con Fantastique Company, á fin de poñer en contacto ás e aos estudantes con profesionais das artes escénicas en activo

O Camiño Escena Norte (2022) bota o pano en Galicia esta fin de semana. O proxecto de intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, comunidade que se incorporou ao programa cultural nesta cuarta edición, finalizará o seu percorrido por escenarios de Galicia con cunha chea de funcións. En total, CEN 2022 ofrecerá cinco funcións de teatro e danza en Ames, Carballo, Vilalba, Viveiro e Santiago de Compostela entre o venres 7 e o domingo 9 de outubro.

A primeira cita será coa compañía asturiana Zig Zag Danza, que ofrecerá dúas funcións do seu espectáculo ‘Mímesis’, unha creación dirixida ao público infantil, especificamente á primeira infancia (0-3 anos).  Zig Zag bailará o venres 7 en no Auditorio da Casa da Cultura de Milladoiro, en Ames, mentres que o sábado 8 de outubro visitará o Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba. En ambos casos será necesario retirar previamente os convites (abilleteira.concellodeames.gal e www.entradasvilalba.es) para acceder aos recintos. 

O sábado 8 a actividade de Camiño Escena Norte espallarase ás localidades de Viveiro e Carballo. Precisamente nesta última CEN volve formar parte da programación oficial do Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, logo de facelo na súa primeira edición (2019). A compañía navarra La Caja Flotante presentará ‘Beautiful Stranger’, de Iron Iraizoz, no Pazo da Cultura da localidade bergantiñá.. As entradas están dispoñibles a través do web www.fiot.gal

Tamén na tarde do sábado CEN visitará a Mariña lucense, concretamente o Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Alí terá lugar a representación de ‘El enjambre’, de Kepa Arrasti, da man da compañia vasca Vaivén Producciones. As entradas poderanse reservar a través do correo rbg.cultura@viveiro.es e recoller o mesmo día da función no despacho de billetes do recinto.

Finalmente, Camiño Escena Norte 2022 pecharase po domingo 9 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura, coa representación para público infantil e familiar de ‘El secreto de Julio Verne’, da asturiana Fantastique Company. A cita será ás 18.30 horas no andar -1 do Museo Centro Gaiás e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade do espazo. Esa mesma tarde, celebrarase un encontro entre a compañía e o alumnado da ESAD de Galicia, como parte da programación expandida ‘ESADs no Camiño’.