Skip to main content

Habitación Peregrina Pro pecha a súa segunda edición con case 160 presentacións e encontros profesionais entre axentes das artes escénicas

Medio cento de profesionais vinculados ao sector das artes escénicas e do ámbito cultural de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi participaron na iniciativa, celebrada desde o martes 14 no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo.

O encontro profesional Habitación Peregrina Pro bota a chave até o ano que vén. O centro cultural O Vello Cárcere de Lugo acolleu, durante tres xornadas, a segunda edición dunha cita sinalada para os axentes escénicos das catro comunidades autónomas que participan no programa de intercambio artístico e profesional Camiño Escena Norte. Case 60 profesionais, entre artistas, técnicas municipais de cultura, equipos de programación e de distribución, ademais de directoras de teatros, participaron desde o martes 14 nunhas xornadas “enriquecedoras e dinámicas que favorecen e impulsan a conexión profesional entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi”, segundo apunta o coordinador do proxecto, Diego V. Meizoso.

Ao longo destes tres días, Habitación Peregrina Pro acolleu case 160 xuntanzas, nas que tanto as compañías como as creadoras puideron dar a coñecer os seus proxectos a outros axentes culturais a través de diversas presentacións, xuntanzas rápidas e pitchings. Diferentes actividades de dinamización e formación con profesionais de prestixio completaron unha iniciativa que, tal e como apunta Meizoso, “foi moi positiva tanto a nivel cualitativo coma cuantitativo” e senta as bases para establecer “un espazo de encontro e reflexión anual que nos permita afondar, tamén desde a perspectiva profesional, na necesaria conexión cultural dos territorios do norte”, sinala Meizoso.

Ademais do encontro profesional Habitación Peregrina Pro, a provincia de Lugo acolle novas funcións do Itinerario Constelacións, o programa de exhibición aberto ao público que Camiño Escena Norte ofrece nas catro comunidades autónomas implicadas no proxecto. Esta fin de semana a compañía asturiana A66 Producciones levará o seu espectáculo Abre el ojo, de Francisco de Rojas Zorrilla, ás localidades de Mondoñedo e Lugo. A primeira función desta comedia clásica será o sábado 18 na praza da Catedral de Mondoñedo (en caso de choiva sería no interior do auditorio Pascual Veiga), mentres que o domingo 19 a función terá lugar Auditorio Municipal Gustavo Freire, de Lugo. Ademais, coa intención de contextualizar e visualizar esta comedia do século áureo, a compañía realizará, na xornada do domingo dúas actividades paralelas dirixidas ao público xeral: un obradoiro de ritmo versal, nomeado A fala dos clásicos; e un encontro co público ao remate da función da tarde, no que tamén participará Anxo Manoel, de Lucelús Teatro.

Camiño Escena Norte 2021

Camiño Escena Norte, impulsadopolas entidades profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco), propón unha intensa programación escénica que se expande cada ano á fin de promover sinerxías, encontros co público e a reflexión no propio sector; ademais de  pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca. No 2021, o proxecto amplía tanto o número de compañías participantes en todas as súas liñas de programación, coma o volume de sedes nas que se desenvolve, nunha clara aposta pola reactivación do sector escénico.

A iniciativa conta co apoio económico de gobernos e institucións das catro comunidades autónomas, así como do Goberno de España a través do Ministerio de Cultura e Deporte e do INAEM, e do grupo Vegalsa-Eroski como patrocinador. En Galicia, o programa conta co apoio destacado da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, ademais da Deputación de Lugo, a Deputación da Coruña,  o Concello de Lugo e a Fundación SGAE.