Santiago acolle este domingo 12 o inicio de Camiño Escena Norte 2021 co espectáculo de danza «La naturaleza del silencio»

A compañía cántabra Babirusa Danza presentará na praza de Santo Martiño Pinario, ás 19.00 horas, a súa última creación, que inaugura a terceira edición deste programa de intercambio artístico e profesional entre Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia.

A iniciativa, que se vertebra arredor do territorio que percorre o Camiño no Norte da península, decorrerá desde este domingo até o vindeiro 10 de outubro; e contará con 11 espectáculos en xira e numerosas actividades paralelas que se celebrarán en 37 sedes diferentes, desde Hondarribia ata Santiago de Compostela

A semana que vén, do 14 ao 16 de setembro, celebrarase no Vello Cárcere de Lugo o encontro profesional de artes escénicas Habitación Peregrina Pro, ao que asistirán 35 representantes de compañías galegas, asturianas, cántabras e vascas, ademais dunha vintena de axentes profesionais das catro comunidades.

Este domingo 12 de setembro bota a andar a terceira edición do programa de intercambio artístico e profesional Camiño Escena Norte, que se celebra de xeito paralelo en Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Baixo o lema Volver camiñar, o proxecto achegará , a partir deste domingo 12 de setembro e até o 10 de outubro, numerosas propostas escénicas de diversas disciplinas e formatos a todo o territorio vertebrado polo Camiño que percorre o norte da península.

A compañía cántabra Babirusa Danza, de Beatriz Palenzuela e Rafael de la Lastra, será a responsable de inaugurar o programa de exhibición, nomeado Itinerario Constelacións. A compañía destaca pola forma emotiva das súas creacións e súa singular visión poliédrica da danza contemporánea, na que, desde unha fisicalidade ateigada de matices, teñen cabida outras artes e miradas. A peza que presentarán neste Camiño Escena Norte é La naturaleza del silencio, unha creación na que a compañía, con Palenzuela como coreógrafa e De la Lastra como asistente na dirección, explora as calidades do silencio.

O espectáculo, que se celebrará a ceo aberto na praza de Santo Martiño Pinario, comezará ás 19.00 horas. No caso de choiva, a organización comunicará con suficiente antelación, tanto a través da súa páxina web (www.escenanorte.com) coma das redes sociais (@escenanorte) o traslado da actividade á Cidade da Cultura. Antes desta presentación, en horario de mañá, a compañía impartirá un obradoiro de movemento e contextualización da peza na Escola de Danza Alfaia, tamén en Santiago de Compostela; xa que unha das grandes apostas e motivacións deste programa é a realización de actividades paralelas de mediación arredor dos espectáculos, como obradoiros de contextualización ou de movemento, ademais de encontros coas compañías ao finalizar a función co público, cada vez máis amplo e diverso.


Inicio dos coloquios en liña
En paralelo á programación do Itinerario Constelacións, Camiño Escena Norte ofrece unha chea de actividades baixo a denominación Camiño Expandido. Unha delas é a serie encontros en liña con distintos axentes do sector autonómico e estatal para a reflexión sobre cuestións de actualidade, retos e problemáticas das artes escénicas profesionais. As mesas, abertas ao público e que se poderán seguir na canle de Youtube de Escena Norte (de 20 a 21 horas), decorrerán todos os luns, durante catro semanas a partir deste luns 13.

A primeira das citas será Residencias e centros de creación: cara unha apertura dos espazos alén da exhibición. No encontro participarán Pilar López (promotora KunArte, Centro de Innovación Artística, Euskadi), Miguel Quiroga (co-director do Espazo Escénico El Huerto, en Asturias) e Caterina Varela (Colectivo rpm e Residencias Paraíso de Galicia). O moderador deste encontro será Diego V. Meizoso, coordinador de Camiño Escena Norte.


Programación para público profesional: Habitación Peregrina Pro
Camiño Escena Norte conta tamén con actividades específicas dirixidas ao público profesional, coa intención de favorecer a dinamización do sector e promover sinerxías entre a produción galega, asturiana, cántabra e vasca. A semana que vén, entre os días 14 e 16 de setembro, o centro cultural O Vello Cárcere de Lugo acollerá a segunda edición de Habitación Peregrina Pro, un encontro centrado en conectar aos diferentes axentes do sector nas catro comunidades autónomas do proxecto, e que representan a máis dun cento de compañías. Este 2021 participarán un total de 35 representantes das compañías, ademais dunha vintena de axentes profesionais (directoras e directores de teatros, responsables de coordinación de circuítos escénicos, edís de Cultura, …etc).

Camiño Escena Norte 2021

Camiño Escena Norte, impulsadopolas entidades profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco), propón unha intensa programación escénica que se expande cada ano á fin de promover sinerxías, encontros co público e a reflexión no propio sector; ademais de  pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca. No 2021, o proxecto amplía tanto o número de compañías participantes en todas as súas liñas de programación, coma o volume de sedes nas que se desenvolve, nunha clara aposta pola reactivación do sector escénico.

A iniciativa conta co apoio económico de gobernos e institucións das catro comunidades autónomas, así como do Goberno de España a través do Ministerio de Cultura e Deporte e do INAEM, e do grupo Vegalsa-Eroski como patrocinador. En Galicia, o programa conta co apoio destacado da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, ademais da Deputación de Lugo, a Deputación da Coruña,  o Concello de Lugo e a Fundación SGAE.

En Galicia, o proxecto conta neste 2021 cun total de nove sedes, entre as que se atopan, ademais de Santiago, Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Negreira, Ribadeo, Sobrado dos Monxes e Vilalba. Nestas localidades poderanse ver as creacións das compañías asturianas A66 Producciones (Abre el ojo) e Meraki Cía (Amalgama); das cántabras Anabel Díez / El Tejo Producciones (La casa de Bernarda Alba), Babirusa Danza (La naturaleza del silencio) e La Machina Teatro (Olivia y las plumas); e das vascas Marie de Jongh (Ikimilikiliklik. Mi pequeña) e Ados Teatroa (Lloviendo ranas).

No marco deste programa de intercambio e de promoción da diversidade lingüística e de formatos escénicos, as compañías galegas Elefante Elegante (Dreaming Juliet), Tanxarina (A galiña azul) e Nova Galega de Danza (Leira) levarán a Asturias, Cantabria ou Euskadi os seus espectáculos para amosar as algunhas das producións máis recentes na nosa escena. Ademais das funcións, realizarán obradoiros e encontros co público.