A terceira edición do programa Camiño Escena Norte levará as artes escénicas por nove municipios galegos

O proxecto artístico e profesional, que se vertebra no territorio que percorre o Camiño no Norte da península e que conta co apoio da Xunta, celebrarase entre o 12 de setembro e o 10 de outubro en Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia.

Funcións, coloquios virtuais, obradoiros ou charlas coas compañías participantes son algunhas das actividades abertas ao público que propón a iniciativa; que neste 2021, e baixo o lema Volver camiñar, impulsa estancias de intercambio para a creación ou encontros profesionais no sector.

O público galego poderá gozar das propostas de compañías asturianas, cántabras e vascas, mentres que as galegas Elefante Elegante, Nova Galega de Danza e Tanxarina actuarán en Xixón, Mieres ou Mutriku, entre outras localidades.

A terceira edición do programa de intercambio artístico e profesional Camiño Escena Norte achegará, a partir do vindeiro 12 de setembro e até o 10 de outubro, numerosas propostas escénicas de diversas disciplinas e formatos por nove localidades galegas.

O Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, acolleu esta mañá a presentación da nova edición dun proxecto que, por terceiro ano consecutivo, pretende expandir e dinamizar o sector escénico que se vertebra arredor do territorio que percorre o Camiño no Norte da península. Baixo o lema Volver camiñar, neste 2021 o programa consolidará a súa ambiciosa proposta de aposta pola creación de proximidade e contará cun total de 11 espectáculos en xira, no marco do programa de exhibición Itinerario Constelacións, e 37 sedes repartidas nas catro comunidades autónomas; ademais de incrementar o número de actividades paralelas de mediación arredor dos espectáculos e de encontros co público, cada vez máis amplo e diverso.

No caso de Galicia,  no que o programa conta co apoio destacado da Xunta de Galicia, o público poderá gozar ao vivo de sete espectáculos que xirarán polas sedes que conforman a rede de produción escénica no territorio, que este ano ascenden a nove logo da incorporación de Melide. Así,  Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Negreira, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sobrado dos Monxes e Vilalba acollerán nove funcións das compañías asturianas A66 Producciones (Abre el ojo) e Meraki Cía (Amalgama); das cántabras Anabel Díez / El Tejo Producciones (La casa de Bernarda Alba), Babirusa Danza (La naturaleza del silencio) e La Machina Teatro (Olivia y las plumas); e das vascas Marie de Jongh (Ikimilikiliklik. Mi pequeña) e Ados Teatroa (Lloviendo ranas).

Xunto ás funcións, integradas no Itinerario Constelacións, Camiño Escena Norte espalla a súa actividade coa liña de programación Camiño Expandido, de xeito que as exhibicións se acompañarán de diversas actividades paralelas de mediación arredor dos espectáculos, como obradoiros de contextualización ou de movemento, ademais de encontros coas compañías ao finalizar a función.

Estas actividades dirixidas ao público xeral, enmarcadas na liña Refuxiosda programación do Camiño Expandido, tamén inclúen iniciativas de participación -que se darán a coñecer nas RRSS de Camiño Escena Norte e na web, www.escenanorte.com-, e oito encontros en liña. Os encontros comezarán a semana que vén e, nun primeiro momento, darán a coñecer as compañías participantes no Itinerario Constelacións e os seus espectáculos. O luns 6 presentaranse as compañías galegas; o martes 7 as asturianas, o mércores 8 as cántabras e o xoves 9 as vascas. Todos os encontros poderanse seguir, ao vivo, entre as 20.00 e as 21.00 horas no Youtube de Camiño Escena Norte.

A partir do luns 13, e de xeito semanal (todos os luns durante catro semanas), celebraranse encontros en liña con distintos axentes do sector autonómico e estatal nos que se reflexionará sobre cuestións de actualidade, retos e problemáticas das artes escénicas profesionais. As mesas, abertas ao público e que se poderán seguirna canle de Youtube do programa (de 20 a 21 horas), serán: Residencias e centros de creación: cara unha apertura dos espazos alén da exhibición (13 de setembro), Circuítos escénicos profesionais de distribución de artes escénicas: Modelos de funcionamiento e retos de futuro (20 de setembro), Artes escénicas e sustentabilidade: retos de futuro (27 de setembro); e Deixade que o teatro cure: as artes escénicas como catalizadores de procesos de mellora persoal e social (3 de outubro).

A escena galega viaxa a Asturias, Cantabria e Euskadi
No marco deste programa de intercambio e de promoción da diversidade lingüística e de formatos escénicos, tres compañías galegas levarán a Asturias, Cantabria ou Euskadi os seus espectáculos para amosar as algunhas das producións máis recentes na nosa escena. É o caso de Elefante Elegante (Dreaming Juliet), Tanxarina (A galiña azul) e Nova Galega de Danza (Leira), esta última finalista dos Premios Max 2021. As localidades de Xixón, Mieres, Potes, Torrelavega, Castro Urdiales, Santoña, Santander, Eibar e Mutriku acollerán, ademais das funcións, diversos obradoiros e encontros co público.


Programación para público profesional: Cruzamentos e Habitación Peregrina Pro
Camiño Escena Norte conta tamén con actividades específicas dirixidas ao público profesional, coa intención de favorecer a dinamización do sector e promover sinerxías entre a produción galega, asturiana, cántabra e vasca. Así, a programación profesional, enmarcada na liña Vieiros (dentro da programación Camiño Expandido), conta con dúas iniciativas concretas: as estancias de intercamio Cruzamentos e a segunda edición do encontro Habitación Peregrina Pro.

Cruzamentos é un programa de estancias de intercambio escénico, artístico e profesional, que promove a creación, investigación e formación escénica á vez que favorece a xeración e fortalecemento dun tecido de espazos cómplices entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi que conecten o traballo de creadores e compañías dos catro territorios.  Neste 2021 desenvolveransecatro estancias, unha en cada comunidade participante. No caso de Galicia, os espazos nos que se darán os intercambios serán a Cidade da Cultura e o Auditorio Municipal de Negreira e contarán coa participacición da compañía galegaLicenciada Sotelo e da cántabra Babirusa Danza. Precisamente nesta xornada comeza a estancia na Cidade da Cultura sobre investigación arredor do proxecto Mortais e vulnerables; e que decorrerá desde o luns 6 no Auditorio de Negreira. O programa Cruzamentos tamén levará ás galegas Ibuprofeno Teatro, Caramuxo Teatro e Pedras de Cartón a participar noutras estancias de intercambio en Asturias e Euskadi,

No marco da programación profesional, entre os días 14 e 16 de setembro desenvolverase a segunda edición de Habitación Peregrina Pro, o encontro profesional de artes escénicas de Camiño Escena Norte. O centro cultural O Vello Cárcere de Lugo acollerá esta iniciativa, centrada en conectar aos diferentes axentes do sector nas catro comunidades autónomas participantes no proxecto, e que representan a máis dun cento de compañías.

Camiño Escena Norte 2021
Camiño Escena Norte,
impulsadopolas entidades profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco), propón unha intensa programación escénica que se expande cada ano á fin de promover sinerxías, encontros co público e a reflexión no propio sector; ademais de  pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca. No 2021, o proxecto amplía tanto o número de compañías participantes en todas as súas liñas de programación, coma o volume de sedes nas que se desenvolve, nunha clara aposta pola reactivación do sector escénico.

A iniciativa conta co apoio económico de gobernos e institucións das catro comunidades autónomas implicadas, así como do Goberno de España a través do Ministerio de Cultura e Deporte e do INAEM, e do grupo Vegalsa-Eroski como patrocinador principal. En Galicia, Camiño Escena Norte conta co apoio destacado da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, ademais da Fundación SGAE, a Deputación de Lugo, a Deputación da Coruña e o Concello de Lugo.