Que é?

Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos da participación, as sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a gastronomía.

Esta ruta nace da idea da peregrinaxe para ofrecer un camiño escénico no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.

Un proxecto que suma á súa vertente cultural tamén a de dinamización social e turística e de inter- cambio entre as 4 Comunidades Autónomas participantes, no convencemento de que o coñecemento mutuo é a chave para unha maior interacción entre profesionais e público dos distintos territorios, que só pode dar nunha maior riqueza na oferta cultural a disposición dos espectadores/as, ademais de na mellora da experiencia turística para o público visitante.

Camiño Escena Norte nace así co obxectivo de coñecer mais e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían, aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une desde hai séculos, e cunha intensa programación que pretende ademais multiplicar as posibilidades de relación co público con actividades de encontro e reflexión, gastronómicas ou de participación.

Quen somos?

Camiño Escena Norte é un proxecto cultural froito da unión estratéxica das asociacións profesionais de produción escénica dos 4 territorios implicados, nunha liña de traballo conxunta creada a partir de MERCARTES en novembro de 2016.

A proposta confórmana, polo tanto, 99 compañías produtoras de teatro, monicreques, danza e novo circo que reflicten a enorme calidade, variedade e diversidade das artes escénicas galegas, asturianas, cántabras e vascas.


ESCENA GALEGA
Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas.

GALICIA

Con 16 anos de vida ESCENA GALEGA é a asociación de referencia do sector profesional en Galicia, actualmente con 33 compañías asociadas. Somos un colectivo comprometido coa defensa da lingua e a cultura como ben común, que traballa na interlocución coas institucións e cos distintos axentes implicados na modernización do sector das artes escénicas e que busca conexións estratéxicas con asociacións afíns doutros territorios, cuestións todas estas enfocadas a mellorar a capacitación profesional das empresas asociadas, tentando ofrecerlles día a día máis servizos para artellar un sector forte, unido e mellor vertebrado.


ESCENASTURIAS
Asociación de Compañías Profesionales de Artes Escénicas de Asturias.

ASTURIAS

A Asociación de Compañías Profesionales de Artes Escénicas de Asturias (ESCENASTURIAS)  constitúese no ano 2018 após da unión das dúas asociacións de empresas de artes escénicas da rexión (FOROESCENA e ACPTA) Integrada actualmente por 31 compañías vencelladas profesionalmente ao mundo do espectáculo, ten o firme propósito de promover as artes escénicas feitas en Asturias e contribuir á súa proxección a nivel nacional e internacional. 


ACEPAE
Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas.

CANTABRIA

ACEPAE é unha entidade que abrangue 13 empresas creada co obxectivo de reunir produtoras de teatro e danza de Cantabria. Ten que servir como órgano de coordinación, representación, xestión, fomento e defensa dos intereses xerais dos seus membros. Entendemos a Asociación como unha necesidade para abordar o ordenamento e vertebración do noso sector e conseguir o recoñecemento e a dignificación do noso oficio. En ACEPAE traballamos polo desenvolvemento das Artes Escénicas de iniciativa privada, pola súa promoción e difusión, para ofrecer a unha sociedade do século XXI opcións estéticas plurais e progresistas, libres e independentes, e posibilitar o achegamento e a relación directa entre cidadanía e creadores/as.


ESKENA
Empresas de producción escénica asociadas de Euskadi.

EUSKADI

A asociación ESKENA foi creada no 1995 co obxectivo de dar voz, espazo e oportunidades ás diferentes empresas do mundo teatral vasco. Na actualidade está formada por 21 produtoras. Somos unha asociación que traballa para a mellora da comunicación, a estabilidade e o desenvolvemento das empresas do sector na nosa comunidade. Levamos mais de 20 anos sendo unha referencia consolidada como promotora e interlocutora das artes escénicas de Euskadi.

Dende 2011 Eskena encárgase de xestionar o Centro de Innovación Escénica Harrobia situado en Bilbao.

Que pretendemos?

O programa ten unha serie de obxectivos moi definidos, que xiran arredor dos conceptos expresados na primeira parte deste documento, e que se poden resumir en 5 puntos:

1___ Crear un espazo/itinerario de intercambio cultural entre as 4 Comunidades Autónomas, para o coñecemento de producións de artes escénicas, doutros territorios, e de chaves culturais, lingüísticas e históricas diferentes.

2___ Axudar, a través dun proxecto cultural, á dinamización social, cultural e turística dos espazos onde se desenvolve o programa.

3___ Dar a coñecer a produción escénica das compañías que operan baixo o paraugas das 4 asociacións colaboradoras neste proxecto, fóra dos seus respectivos territorios.

4___ Enriquecer a proposta cultural do Camiño, axudando a converter a ruta nun “camiño de cultura”, potenciándoo como destino turístico cultural.

5___ Ofrecer ao público unha programación expandida que multiplique os efectos de relación cos espectadores/as mediante actividades arredor do concepto de espectador activo ou prosumidor.


En que nos baseamos?

Para apoiar a explicación da naturaleza do programa, así como os seus obxectivos, Camiño Escena Norte conta con 6 ideas forza:

01

EXCELENCIA

 Seleccionar as mellores producións, con diversidade de linguaxes e estéticas.

02

TRÁNSITO

 A itinerancia dos espectáculos en peregrinaxe.

03

DIVERSIDADE

 Lingüística, cultural, estética e xeográfica.

04

INTERCAMBIO

 Entre os territorios, as compañías e o público.

05

ESCENA

 O concepto e palabra central da nosa proposta.

06

NORTE

 O noso eido xeográfico e cultural e nexo de unión.

Que agardar?

O proxecto será na súa implementación a unión de dous conceptos:

Por unha banda o eixo vertebrador do programa e que comprende a súa razón de ser: o itinerario de funcións de teatro, danza, monicreques ou novo circo que percorrerá os 4 territorios.
Este é o Itinerario Constelacións.

Por outra banda as ramificacións ou sendeiros, unha extensa programación expandida que rodeará o noso camiño rebordando as súas posibilidades a nivel de gastronomía, intercambio, participación ou reflexión.
Este é o Camiño Expandido.

ITINERARIO CONSTELACIÓNS

Camiño Escena Norte comprimirá a súa programación escénica nun mes, coa seguinte organización e estrutura:

  • Programaránse 8 funcións en cada CCAA.
  • Participarán 2 compañías de cada CCAA que levarán a cabo 4 funcións cada unha.
  • O programa constará de 8 espectáculos diferentes.

A idea del intercambio cultural está baseada en que as compañías se presenten nos seus territorios veciños, non no seu propio, desta maneira:

  • As compañías de GALICIA actuarían en Asturias, Cantabria e Euskadi.
  • As compañías de ASTURIAS actuarían en Galicia, Cantabria e Euskadi.
  • As compañías de CANTABRIA actuarían en Galicia, Asturias e Euskadi.
  • As compañías de EUSKADI actuarían en Galicia, Asturias e Cantabria.

A peregrinaxe das compañías e os seus espectáculos recolle o espírito de viaxe que conforma a experiencia do Camiño, e estaría polo tanto baseado en funcións consecutivas de maneira que cada compañía realizaría a súa aportación ao Camiño Escena Norte nun máximo dunha semana (ida+4 funcións+volta)

Os criterios de selección dos espectáculos estarán baseados na calidade, diversidade de linguaxes e estéticas e valor cultural dos mesmos. Este programa nace coa intención de mostrar e mostrarnos o mellor das artes escénicas de cada un dos territorios que imos unir por medio deste novo camiño.

O proceso de comisariado e dirección artística do programa será levado a cabo no primeiro trimestre do ano 2019, a partir de aí traballarase nos contidos propios da programación expandida que se presenta a continuación.

CAMIÑO EXPANDIDO

A programación do Camiño Expandido terá un peso fundamental na forma definitiva do programa, constando desta serie de propostas e actividades:

ESCENA NORTE PARTICIPA

Camiño Escena Norte será un itinerario aberto á participación, ao xogo, á comunicación entre profesionais das artes escénicas e público, a todo aquel ou aquela que queira mostrar a outras persoas a beleza das paisaxes que coñece, intercambiar opinións sobre as historias que viu en escena, formar parte activa do proxecto como espectador prosumidor.

Escena Norte Participa abranguerá toda unha campaña de mediación arredor do noso itinerario, que animará ao público a ser máis que só espectador e falarnos, acompañarnos nesta nova peregrinaxe. Buzóns físicos e virtuais abertos á participación coas compañías, concursos de fotografía para RRSS acompañados dos nosos hashtags ou o fotocol peregrino, un espazo onde tecer unha lembranza para a memoria visual do programa, serán algúns dos espazos de participación que o noso itinerario posibilitará.

HABITACIÓN PEREGRINA PRO

Camiño Escena Norte nace do traballo conxunto destas 4 asociacións profesionais de produtoras escénicas, e é desta maneira un dos seus eixos principais a mellora e vertebración do noso sector, por medio da expansión de oportunidades de visibilidade, intercambio profesional e coñecemento entre as nosas compañías, case 100, e por extensión entre os nosos territorios.

Habitación Peregrina PRO é un programa de residencias e acollida que partirá por iniciativa das propias compañías, convidando a produtoras de calquera dos outros 3 territorios e así explorar as posibilidades de futuras coproducións, realizar intercambios de formación ou simplemente coñecer a realidade profesional doutros creadores/as noutros ámbitos.

Estas “habitacións peregrinas” serán residencias de intercambio xestionadas por unha compañía acolledora para unha compañía peregrina, cunha estancia mínima de dous días e nos termos de intercambio que cada unha quixera. As compañías acolledoras presentarán un proxecto de acollida e contarán cun acompañamento económico por parte do programa.

CONEXIÓN ESCENA NORTE

O programa de mediación co público constará de dous 2 tipos de actividades, unha previa función e unha posterior á función, estas serán:

DE 1000 PALABRAS

Cantas linguas se falan no Camiño do Norte? Ducias, seguramente. Nesta viaxe nós falaremos 4: castelán, galego, asturianu e euskera. Percorreremos un CAMINO e un CAMIÑO e un CAMÍN e un BIDEA.

Por medio de distintos obradoiros de mediación previos e asociados ao contido e temáticas das funcións que se realicen en galego, asturianu e euskera (non para o castelán pois é a lingua de comunicación común aos 4 territorios) abordaremos a diversidade lingüística dentro de Camiño Escena Norte, na idea de que todas esas linguas, aínda que non nos sexan propias, son riqueza cultural e podemos acceder a contidos nelas.

De 1000 palabras serán actividades previas de 1,5 horas de duración, para público infantil/familiar ou adulto dependendo do espectáculo, que de maneira lúdica acheguen ideas, conceptos, vocabulario chave para o entendemento das pezas escénicas que o público verá nun idioma que non é o seu, mediación que se verá máis tarde reforzada/ completada cos Encontros nas estrelas.

Realizarase nun espazo relacionado co espazo escénico no que se desenvolverá a función (un espazo do teatro/auditorio, un recuncho da praza, unha parte do claustro…), animando ao público a asistir na idea da experiencia total: non só ver un espectáculo senón tamén acceder a actividade(s) arredor do mesmo que faciliten a súa comprensión.

De 1000 palabras recolle o concepto de escola de espectadores/as para realizar un traballo previo de mediación co público tendo moi en conta as variedades lingüísticas e culturais que reflectirán os espectáculos do itinerario.

ENCONTROS NAS ESTRELAS

As posfuncións estarán protagonizadas polos Encuontros nas estrelas, reunións de debate e intercambio ao remetar a función, en espazos anexos ao correspondente espazo escénico. Completando a mediación dos talleres previos De 1000 palabras estes encontros servirán para coñecer máis en detalle o traballo na montaxe que o público acaba de ver, falaar co reparto e, nalgunhas ocasións, co director/a e completar a experiencia inmersiva cunha velada completa, máis aló de ser simple espectador pasivo dunha peza escénica.

Os encontros contarán con personal de mediación que traballará previamente coas compañías no tratamento e organización dos temas de debate.

CAMI...ÑAM

Teatro e cea (ou cea e teatro), ese é o sinxelo concepto detrás de Cami…ÑAM Traballaremos coas asociacións de hostelería, os concellos e as entidades de turismo para artellar uha oferta gastronómica peregrina que nos acompañe no noso camiño.

A proposta estará tamén baseada no intercambio, de maneira que os establecementos de hostelería participantes introduzan na súa carta durante o programa elementos (tapas, pratos, bebidas) dos seus territorios veciños.

Poder degustar unha táboa de quesucos de Cantabria en Galicia ou que nos establecementos asturianos se poida beber licor café galego, cunha identificación/sinaléctica clara que visibilice nos establecementos a marca Camiño Escena Norte e poña en evidencia a razón pola cal eses pratos, ingredientes e bebidas están na carta, nese momento e nese lugar.

ESCENA NORTE IDEA

Escena Norte Idea consiste na creación de espazos de encontro e reflexión que pretenden, por medio de distintos formatos de manifestacións orais (faladoiros, mesas redondas, mesas de debate), abrir a porta ao diálogo sobre as posibilidades das artes escénicas como elemento dinamizador en distintos aspectos sociais ou educativos, arredor dos que precisamente descansa este proxecto:

Artes Escénicas e turismo: como mellorar a experiencia turística por medio das artes en vivo.

Artes Escénicas e educación / mediación: a creación e ampliación de públicos, a interacción espectáculo-espectador, o público prosumidor.

Artes Escénicas e interculturalidade: a produción escénica como reflexo das distintas realidades culturais e/ou lingüísticas e vehículo para coñecernos mellor.

Artes Escénicas e dinamización económica: os disintos aspectos nos que as programacións escénicas poden incidir na hora da dinamización económica dun territorio.

Cando?

Camiño Escena Norte terá lugar nos meses de setembro e outubro de 2019. Este marco temporal considérase ideal xa que aglutina as distintas necesidades dunha proposta tan diversa. Por unha banda, é a época na que comeza a tempada escénica e o público volve organizarse para asistir aos teatros. No referente aos espazos ao aire libre e site specific o tempo e a temperatura posibilitará aínda a intervención nos mesmos.

A duración do programa será de 4 semanas (1 mes), de mediados de setembro a mediados de outubro, ocurrindo este camiño nunha semana en cada un dos 4 territorios.

Onde?

Sendo un dos piares do programa a diversidade en formatos, estéticas e linguaxes e por outra banda unha das máximas a nivel de comisariado buscar a maior calidade nas propostas, o censo de espazos deberá ser tamén diverso en tipoloxías. Buscaránse espazos outdoor/históricos/singulares para os espectáculos adaptables e sen grandes necesidades técnicas, pero Camiño Escena Norte precisará tamén teatros, auditorios e outros espazos escénicos perfectamente equipados para a programación de espectáculos de gran formato e á italiana.

Haberá sempre un PLAN B no caso das funcións en exterior.

Para ordear esta diversidade de espazos nas 4 Comunidades Autónomas a nivel comunicativo e de estrutura do programa, e coa idea de artellar o mesmo sistema tamén en eixos temáticos, estéticos e de tipos de públicos, o Itinerario Constelacións dividirase en:

CONSTELACIÓNS INTERIORES

Os espazos escénicos á italiana: teatros, auditorios, centros culturais onde terán lugar os espectáculos de programación de sala.

CONSTELACIÓNS PATRIMONIO

Os site specific, espazos de alto interese patrimonial e histórico onde terán lugar os espectáculos adaptables técnica e tematicamente á contorna (igrexas, claustros…)

CONSTELACIÓNS EXTERIORES

Os exteriores, espazos ao aire libre (prazas, rúas…) para espectáculos que non precisen dun espazo indoor á italiana, cunha relación máis directa e próxima co público.